Thursday 25 de April de 2024

O bo tempo parece que acompañará -disque- as xeorrutas desta fin de semana


Semella que o anticiclón das Azores por fin nos vai traer varios días consecutivos de sol e temperaturas máis que boas. O tempo será, salvo erros preditivos, o grande aliado das xeorrutas que hai organizadas para esta fin de semana polo ámbito do noso proxecto.

Nelas descubriremos desde distintos puntos de vista os elementos da fachada costeira situada máis ao norte -Cedeira, Ortigueira e Cariño- pero tamén haberá unha nova incursión nas galerías de Mina Piquito que, xunto co itinerario das Praias das areas negras, adoita esgotar rapidamente as prazas que oferta. De feito, para baixar a Teixidelo só hai opción de anotarse en lista de agarda e para adentrarse o domingo na antiga mina de cobre de Moeche só quedan algunhas vacantes no grupo de primeira hora da mañá.

Outra que tamén ten o cupo cuberto é a xeorruta do Granate do venres -nestes días abrirase a lista de agarda- e están preto de completarse as peticións para os outros catro itinerarios programados, incluído o marítimo que organiza a empresa de turismo activo Rutas Cedeira.

A alta demanda seguramente se deba a que estamos na fin de semana grande das vacacións estivais, ás perspectivas de bo tempo e, sobre todo, ao atractivo xeolóxico, paisaxístico, cultural e gastronómico que temos nestes 600 Km2 de territorio.

VENRES 13 DE AGOSTO

Xeorruta do Granate
10:00 – 16:00 (prazas completas)
Cedeira
Gratuíta

A xeorruta do granate discorre por un pequeno sendeiro de pescadores dende o santuario de Santo André ata a enseada das Cortes, onde se observa unha ampla variedade de rochas moi rechamantes tanto pola súa cor como pola súa textura, así como un salientable número de estruturas xeolóxicas, que poñen de manifesto a intensa deformación que afectou a esta rexión hai 350 millóns de anos. Esta ruta xeolóxica permitirá descubrir unha das zonas máis descoñecidas do litoral de Cedeira.

O itinerario xa ten o seu cupo completo, aínda que hai posibilidade de anotarse na lista de agarda por se houbese baixas: https://goo.gl/tZVqIV

Xeorruta dos Penidos
16:30 – 20:30
San Adrián, Ortigueira
Gratuíta

Nesta parte da serra da Capelada atopamos o maior afloramento de ecloxitas de todo o noso planeta, unhas rochas de récord que se orixinaron a máis de 100 quilómetros de profundidade en condicións de presión extrema e altas temperaturas. Pero tamén se visitará o espectacular Pozo do Inferno e o macizo dos Penidos, un miradoiro natural con fermosas vistas panorámicas sobre a ría de Ortigueira.

Esta xeorruta está organizada polo Concello de Ortigueira. A inscrición pode facerse no 981 974 103 ou a través do seguinte formulario en liña: https://bit.ly/2ZAEaIa

SÁBADO 14 DE AGOSTO

Xeorruta das praias negras
10:00 – 16:00
Cedeira
Gratuíta
Esta ruta xeolóxica organizada polo Concello de Cedeira permite coñecer a que está considerada como a única praia de area negra non volcánica do noso planeta. Pero, sen dúbida, o emprazamento desta praia de Teixidelo -aos pés dos cantís máis altos da Europa continental- fan desta zona un lugar de paisaxes incribles e cheo de contrastes. Ao longo da ruta tamén poderán ollarse a fervenza ou a falla de Teixidelo, unha estrutura xeolóxica que discorre por un fermoso val de orixe glaciar.

Prazas cubertas, aínda que é posible inscribirse na lista de agarda por se se producisen baixas. Hai que facelo en liña neste formulario https://goo.gl/6d3qJ0

Xeorruta marítima
17:00 – 19:00
Peirao vello de Cedeira (ao pé da Cruz Vermella)
50€

Ruta marítima organizada pola empresa de turismo activo Rutas Cedeira. Partindo do peirao vello de Cedeira percórrese a costa do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal até Os Aguillóns descubrindo como se formaron os cantís máis altos da Europa continental e tamén outras peculiariedades da paisaxe que, vistas desde o mar, cobran unha nova dimensión. As reservas deben efectuarse no teléfono 722 615 382. Prezo: 50€, incluído seguro. As saídas están condicionadas ao estado do mar.

DOMINGO 15 DE AGOSTO

Xeorruta por Mina Piquito
Moeche
Grupo 1: 10.00-11.50h (prazas dispoñibles)
Grupo 2: 12.00-14.10h (prazas completas)
10€
Trátase dun xacemento de cobre que se explotou até finais dos anos 60 e que hoxe constitúe un dos espeleotemas máis rechamantes do noroeste peninsular. Nas galerías aínda hai restos da actividade mineira -vías, trabes, etc.- pero o que máis destacan son as estalagmitas e estalactitas de azuis e verdes de grande viveza. Esta ruta está organizada polo Concello de Moeche e ten un custe de 10 euros. Nela, por cuestións de seguridade, só poderán participar maiores de 11 anos. O de Mina Piquito é o percorrido xeolóxico máis curto de todos cantos se ofrecen este verán. A entrada na mina farase en dous grupos, un a primeira hora da mañá e outro cara ao mediodía. No momento de redactar esta información só había prazas dispoñibles para o primeiro grupo. As reservas poden facerse a través deste formulario: https://goo.gl/9oVX8Y

Xeorruta do cromo
16:30 – 20:30
Cedeira
Gratuíta
A ruta xeolóxica organizada polo Concello de Cedeira percorrerá os cantís máis elevados da Europa continental, unha vista privilexiada para contemplar o litoral entre Teixido e a Punta do Cadro. Unha zona que destaca pola presenza de rochas moi pouco habituais na superficie do noso planeta. Asociadas a elas foron descubertas acumulacións de minerais de cromo e platino. Pero esta visita guiada permite ollar tamén a presenza dunha salientable falla que corta toda a Serra da Capelada.

Aínda hai prazas dispoñibles, que poden reservarse a través deste formulario: https://goo.gl/xmgeSb

LUNS 16 DE AGOSTO

Xeorruta dos Aguillóns
10:00 – 14:00
Cariño
Gratuíta

Nesta xeorruta organizada polo Concello de Cariño coñecerase de primeira man a maior concentración de ecloxitas de todo o planeta. Unhas rochas moi singulares, formadas a moitos quilómetros de profundidade. Pero tamén haberá tempo para descubrir as formacións xeolóxicas que aparecen en San Xiao do Trebo, orixinadas neste caso pola fusión doutras rochas.

As inscricións hai que facelas a través deste formulario en liña: https://bit.ly/3dm2ohg